O ciclocrós a nivel estatal regresou este domingo do mesmo xeito que se despediu o pasado mes de xaneiro no Campionato de España de Pontevedra: con triunfo de Iván Feijoo (Nesta) nos sub23 e con exhibición galega nas cadetes. María Filgueiras (Caimanes) impúxose no circuíto valenciano de Sueca por diante de dúas corredoras do Avanza, a subcampioa española Uxía Soto e Aroa Otero. A quinta medalla dos nosos representantes nesta primeira cita da Copa de España acadouna André Martínez (Avanza) ao finalizar terceiro nos cadetes.

A carreira elite- sub23 masculina foi un recital de principio a fin de Felipe Orts (Teika), que respondeu con tremenda solvencia ao seu papel de gran favorito na súa estrea na campaña de ciclocrós. O ciclista alacantino tomou o mando da proba antes de completar a primeira media volta, despois de que o seu compañeiro Gonzalo Inguanzo arrincase con moitísima forza, e desde aí a comezado a impoñer un ritmo que foi excesivo para o trío perseguidor, integrado polos dous ciclistas do conxunto Nesta, o alaricano Iván Feijoo e Kevin Suárez, aos que se sumou o citado Inguanzo, compañeiro de escuadra de Orts.

A gran referencia do ciclocrós estatal xa completou con vantaxe a primeira volta e, xiro a xiro, foi incrementando a súa renda ata establecela por encima do minuto. Por detrás, desencadeouse unha bonita loita polo podio na que Feijoo, vixente campión de España sub2, terminouse impoñendo para facerse coa segunda praza na táboa absoluta, a 30 segundos de Orts, e a primeira na súa categoría. A terceira posición foi para Kevin Suárez, mentres que en cuarto lugar cruzou a meta Mario Junquera, tras completar unha carreira de menos a máis. Inguanzo, que estivo a pelexar un posto no caixón con Suárez e Feijoo, finalmente concluíu quinto.

Na proba raíña feminina Irene Trabazo estreouse como elite levándose a ‘medalla de chocolate’. Quinta na clasificación absoluta e cuarta na da súa nova categoría, a marinense do XSM cruzou a liña de meta a 1:33 da gañadora Alicia González (Nesta) e a 40″ de Aida Nuño, terceira.

Podio 100% galego

De histórica pode calificarse a actuación das galegas cadetes no Ciclocross Internacional Ciutat de Sueca. María Filgueiras encabezou o triplete das nosas representantes; Uxía Soto repetiu o mesmo posto que rubricou no último Campionato de España; e Aroa Otero fíxose coa terceira praza.

A prata e o bronce das representantes do Avanza sumáronse á terceira posición do seu compañeiro de equipo André Martínez. O ciclista do conxunto porriñés subiu ao podio xunto ao vencedor Pablo Calvo e a Carlos Gámez.

A Copa de España de ciclocrós regresára o 15 de novembro coa proba de Cabezón de Pisuerga.

https://fgalegaciclismo.es/index.php/es/smartweb/seccion/noticia/galicia/Ciclocross/43225-Triplete-galego-nas-cadetes-e-vitoria-sub23-de-Feijoo-na-apertura-da-Copa-de-Espana-?fbclid=IwAR1cXy-AmFyoQDm2ql5ve1y8fR6IsJsnGaoJE2oNoaOV_m4RkZvNzO8b1mk

Por ECO

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *