O Consello Municipal de Deportes (CMD) licitará “a prezo de mercado” a explotación da cafetería municipal do Pavillón dos Remedios. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, sinala que “a actual explotación comercial produce un menoscabo económico para os intereses de Ourense que chega a ter tintes surrealistas”.

Así, o rexedor asegura que “o canon que a empresa de hostalaría paga pola explotación desta instalación municipal rolda o 200 €/mes, menos de 3.000 euros ao ano”. “Pero por se esta cantidade fose ridícula”, engade, “resulta que a empresa non ten contador propio de luz nin auga, de modo que o 100% dos gastos por luz, climatización e auga, corren por conta do Concello de Ourense”.

Pérez Jácome calcula que o canon anda polos -800 €/mes, “é dicir, canon negativo”. En comparación con outras concesións municipais, lembra que “é aínda peor que a cafetería do Xardín Xaponés, que durante 50 anos pagou 0,60 €/ano.”

O alcalde apunta co dedo “aos artistas» destas condicións económicas, “que non son outros que o bipartido PSOE-BNG que hai 10 anos concederon a explotación con esas condicións cando ambos os partidos rexían o Concello de Ourense”.

O actual grupo de goberno do está a ultimar o prego de condicións para licitar a explotación da concesión esta primavera, “un prego que conlevará a carga dos gastos de enerxía á empresa concesionaria, así como un alugueiro mensual a prezo de mercado pola súa afluencia -sempre segura- de clientes”, afirma o alcalde. “Ademais, a concesión será por 5 anos, e non por 10, como negociaron anteriores inquilinos políticos da Praza Maior”, conclúe.

Por ECO

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *